conferenciasalnes@gmail.com

conferenciasalnes@gmail.com

4ª XORNADA crónica dunha billarda... que entrou! ...Ou non!



       O comité de disciplina e arbitraxe da LNB segue revisando as imaxes da xogada polémica do pasado sábado. Polo momento, aínda non encontrou solución para o enigma: a billarda entrou ou non? Tampouco podemos publicar máis imaxes da xornada ata que o Tribunal Superior de Xustiza Billardeira levante a suspensión que dictou sobre todo o material audiovisual. Polo de agora, non chamou a declarar a ningún palanador dos que se viron implicados na xogada nin ao xuíz de campo.
       Mentres tanto, xa se están buscando solucións para evitar as dúbidas. Na imaxe de arriba vemos como se está probando noutro deporte menor, como é o fútbol, este complexo sistema de cámaras e imaxes que se quere utilizar na LNB. A evidencia dinos que aínda que o xuíz de campo estea ben situado, ás veces a velocidade da billarda fai imposible a correcta visión da súa traxectoria. As características bioquímicas do noso sistema ocular establecen uns límites biolóxicos infranqueables, polo menos, ata que se desenvolva en todo o seu potencial a enxeñaría xenética. Un exemplo disto témolo na foto dabaixo. Certamente, o equipo de arbitraxe, 1 xuíz e 3 asistentes, parecería suficiente para tomar a decisión correcta, en cambio, hai veces nas que nin así se acerta. Daquela, haberá que estudar o investimento que se necesitaría para dispoñer en cada xornada do VAR. 

1 xuíz de campo e 3 asistentes

       Ao mesmo tempo, estanse probando outros sistemas máis baratos e non por iso menos eficaces. 

4ª xornada MARÍN


       Corredoiras puxo as cousas no seu sitio e como actual Campión Nacional presentou o equipo ao completo, e incluso se permitiu xogar con unha nova incorporación, Pese, remeiro de Bueu que alcanzou os 21 ptos no seu estreo na LNB. Despois da experiencia das dúas anteriores xornadas onde foi superado, o equipo de Bueu quixo despexar as dúbidas sobre o seu rendemento desta temporada e alcanzou os 99 ptos. 




2º-XAN      1º-RICAR      3ª-BEGO




   
Terreo completamento liso se obviamos as follas das árbores do parque

       A pista de cemento do centro de Marín parecía propicia para calquera, pois en superficies lisas e duras e máis doado dominar o salto da billarda e o rendemento de todos e todas é moi similar. Non obstante, houbo un factor primordial para que non houbera sorpresas. Este factor encontrámolo no liña de saída. Esta estaba situada nun desnivel de aproximadamente un metro con relación ao resto do terreo de xogo. Ademais, esta saída estaba pavimentada con baldosa de superficie irregular en forma de pequenos círculos. Daquela, os xogadores e as xogadoras con máis experiencia souberon adaptarse perfectamente. Resultado de todo isto foi que houbo puntuacións moi elevadas por parte do grupo dos favoritos e favoritas. Entón, nas clasificacións individuais xa houbo un axuste das posicións que nos lembra a situación do ano pasado. Xan e Ricar distáncianse do resto na clasificación absoluta, Bego e Chefa fan o mesmo na clasificación feminina e Juanma na infantil. 



Saída a distinto nivel do terreo de xogo



PARTICIPACIÓN

91

MULLERES
33
HOMES
58


       Non temos aínda a crónica dos nosos enviados especiais a Marín, xa que o comité de disciplina e arbitraxe da LNB está visualizando as imaxes das cámaras de seguridade dos locais que rodean ao parque Eguren e máis da cámara da Igrexa anexa, pois hai que resolver unha xogada moi protestada polo equipo local. Cremos que a LNB debe estar na vangarda do uso das novas tecnoloxías que facilitan o labor dos xuíces de campo e de varal. Xogadas coma a do sábado poderían evitarse se o sistema VAR estivese aplicado na que se considera mellor liga do mundo da billarda.

       Tampouco podemos publicar máis fotos, xa que están retidas e revisadas polo comité por se puidesen aclarar a xogada. En definitiva, a billarda entrou ou non? O xuíz árbitro veuna fóra.

CASO GHARABOTO



      A 24 horas da xornada de Marín, o equipo organizador vese implicado nun caso de aliñación indebida dun dos seus xogadores máis destacados, Gelín. O Comité de Disciplina e Arbitraxe da LNB actúa de oficio ante as información que publicaron varios medios de redes sociais. A decisión do Comité terá efecto retroactivo, xa que esta aliñación indebida de Gelín sucede desde o ano 2012. 
       Abaixo aparecen as fotos que destaparon a usurpación de persoa, e personalidade, por parte do afamado actor británico Ben Kingsler, coñecido no mundo pola súa interpretación de Mahatma Ghandi. Pois, o que se está investigando é cantas veces xogou Gelín e cantas foi o británico quen puntuou para o equipo de Marín. Ata que dictamine o Comité Gelín deberá presentar o DNI actualizado antes da súa inscrición en calquera aberto de billarda que organice a LNB. 
       Por que non aparece a foto do ano 2015-2016? Pola simple razón que ese foi o ano HORRÍBILIS de Gharaboto, xa que o equipo dos de Marín quedouse fóra dos Play Off LNB e decidiron eliminar todas as fotos dese ano. 







 

4ª xornada MARÍN






       Gharaboto xa está preparando a pista do Parque Eguren para convertila nunha gaiola da que non se poidan escapar os puntos. Despois da xornada de Poio, o equipo de Marín perdeu a segunda praza, aínda que empatado con Lúa de Forza. A ausencia do seu capitán L. Camiña foi determinante para perder esta praza de podio. En definitiva, intensificaron os adestramentos e os coidados do terreo de xogo. Así, sabemos de boa información, que todas as mañás aparece un líquido azul sobre o chan de cemento do parque Eguren. Sospeitoso?

O QUE OS OLLOS NON VÉN... OU SI



CASILDA, acudiu ao Estadio Nacional de Billarda con pantalón guepardo. Seica, ao faltar o capitán de GHARABOTO (L.Camiña), o segundo de abordo (L.Gon) permitiu certas liberdades que normalmente non son do agrado do Gran Capitán Barba Branca. De todos os xeitos, xa se escoitan voces discordantes con tal decisión, pois o equipo perdeu a segunda praza da clasificación. 



Ao equipo morado da Terra Quente acompáñao a todas as xornadas un grupo de asesoras técnicas que se encargan da hidratación e nutrición de xogadores e xogadoras. Ao mesmo tempo, este grupo psiconeuropedagóxico é o que planifica a actuación táctica e estratéxica do equipo de Vigo.



Zaira de Valpaços Terra Quente é unha firme realidade para estar no podio da Categoría Feminina. Esta xornada o seu estético golpeo non foi tan efectivo como outras veces. 



Charri está pasando momentos complicados no seu xogo. Non acaba de encontrar o ritmo competitivo que tivo o ano pasado. Segundo fontes ben informadas, xa ten reservado o billete para acudir esta fín de semana un santuario mariano portugués (Lourdes). Alí seguirá un tratamento a base de oblea, rezo, cera e incenso. Tratamento que se mostrou moi eficaz con outros grandes deportistas coma o caso de Rafael Nadal. Esperamos que non teña que abandonar como os seus compañeiros de equipo Moital e Pepe, aqueixados da mesma lesión: "non darlle á billarda".



Chefa xa está na terceira posición do podio. Despois de conquistar o título nacional, en mayo pasado, esperábase dela que este ano optase ao Título de Conferencia, e parece que así será. A de Castela adáptase a calquera superficie de xogo, neste feito reside parte do seu éxito, ademais de ter un corpo flexible e atlético. 



Josiño, da Armadiña, xogou por vez primeira e xa apunta maneiras de palanador. 



Moitos foron os espectadores que se quedaron a presenciar o espectáculo da LNB. 



Diego de Armadiña volveu á competición, despois de non acudir ás dúas primeiras xornadas. Notóuselle a falta de adestramento.



María é outro produto da fábrica de Valpaços. Unha xogadora que empezou o ano pasado a golpear a billarda e que xa está no Top Dez da Categoría Feminina. Esta moza ten un brazo esquerdo fantástico.  





Outro das perlas do equipo de Vigo é Samuel. Este neno vai ser un dos grandes da LNB se mantén ese carácter disciplinado e o espírito de esforzo e dedicación que ten actualmente. 



Nerea é moi cativa, mais cando consiga divertirse xogando á billarda poderá demostrar que ten ADN Armadiña. 



Icía é a máis cativa de todas as xogadoras e xogadores da LNB. Naceu cando a Conferencia Rías Baixas xa existía. Ela ten moita ilusión por xogar, entón continuará ata que rexa co palán e poida golpear a billarda no aire. Polo momento, é quen de levantala do chan. 



O Xián chegará a dominar a LNB nun futuro de 10 anos. Non temos dúbida, xa que probén do berce billardeiro de Dorrón. Ademais, trae sangue guerreiro nas veas e unha carga xenética de 190 cm.



Ollo con Rial, quen non participou tanto na LNB como os seus compañeiros de Armadiña, pero que cada vez que o fai suma para o equipo.



Vemos a María e Irene atendendo ás instrucións que lles envía o grupo de asesoras de Valpaços, que nese momento estaba noutro lugar do campo seguindo o xogo de Taxeiro. 



Vemos como as estratéxicas de Lúa de Forza son diferentes ás de Valpaços, mentres o equipo de Vigo acude cun grupo de apoio o equipo verde co único que acude é cunhas banquetas para que a dixestión non se vexa interrumpida polo esforzo do xogo.



Alberte de Rinoceronte non escolleu a cor de vestimenta máis apropiada para soportar o calor da Reiboa, ou iso pensabamos todos e todas, mais cando se levantou o vento mareiro comprendemos o porque da súa indumentaria mariñeira.



3ª xornada POIO CRÓNICA




       O ESTADIO NACIONAL DE BILLARDA de Poio reuniu a 87 xogador@ e a unha chea de seareiros que acompañan aos equipos, ademais de numeroso público ocasional que se acercou a interesarse polo que sucedía alí. En definitiva, máis de 200 persoas estiveron presenciando en algún momento da tarde o espectáculo da LNB. Grandioso!

       En canto ao aspecto organizativo, podemos afirmar que o equipo organizador Armadiña actuou con decoro nos temas de loxística humana e material. Por outra beira, tamén puidemos comprobar como utilizaron todos os recursos legais para acondicionar o terreo de xogo ás características do seu xogo. Como a regulamentación da LNB non fala nada sobre o paso das rodas dun coche para achantar a terra do Estadio Olímpico, pois, entendido e feito! Pola mañá cedo, un integrante do equipo de Poio, con pasamontañas para non ser recoñecido, dedicouse a derrapar sobre o REIBOA ESTADIO para poñer máis obstáculos aos xa naturais deste magnífico Campo de Billarda. En definitiva, a estratexia habitual deste equipo, facer calquera cousa para subir ao podio. Mais, como non as tiñan todas consigo, estableceron, por se acaso unha inédita Categoría de Xogador Local. Finalmente, conseguiron subir aos tres lugares do podio na Categoría Local. Fantástico!



       ACTAS


      CLASIFICACIÓNS 

     
       Salgue foi o gran triunfador da xornada. O xogador de VALPAÇOS TERRA QUENTE (Vigo) inscribiu, por vez primeira, o seu nome no Ranking LNB como vencedor dunha xornada na Conferencia Rías Baixas. Despois dunha fase de grupos na que se clasificou en segunda posición foi eliminando a quen se lle puxo diante, ata ganar cun golpe precioso que atravesou o varal azul e branco do BILLARDA ESTADIO. Bego ganou na Categoría Feminina e Oscar do equipo local Armadiña confirmou a súa recuperación despois da lesión e fixo máis puntos que ninguén na categoría Infantil. Na Categoría de Equipos ganou o equipo de Sanxenxo, LÚA DE FORZA.




CATEGORIA ABSOLUTAdo EQUIPO
SALGUEVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
RICARCORREDOIRASBUEU
RICARDO LOISLAXE DE RONSO GROVE
CATEGORÍA FEMININAdo EQUIPO
BEGOCORREDOIRASBUEU
CHEFACORREDOIRASBUEU
LULÚA DE FORZASANXENXO
CATEGORÍA INFANTILdo EQUIPO
OSCARARMADIÑAPOIO
JUANMALÚA DE FORZASANXENXO
ADRIANAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
CATEGORÍA EQUIPOSdo EQUIPO
LÚA DE FORZASANXENXO
CORREDOIRASBUEU
LAXE DE RONSO GROVE




LÚA DE FORZA (Sanxenxo)



SALGUE Valpaços Terra Quente (Vigo)



BEGO Corredoiras (Bueu)



OSCAR Armadiña (Poio)

       Algo que está sucedendo este ano é que a igualdade entre os equipos é maior. Comprobade a gráfica de abaixo. A temporada pasada, xogadas 3 xornadas, Corredoiras sacáballe ao segundo equipo 46 ptos, esta temporada 24 ptos, e ao terceiro 82 ptos, esta temporada só 24 ptos. En definitiva, non é irracional pensar que pode haber 3 equipos con opcións de título, xa que Lúa de Forza está confirmando que se reforzou moi ben este verán e Gharaboto segue cun equipo de moitos diamantes. 
     Unha cifra que abasalla é a seguinte: o ano pasado das 16 xornadas, Corredoiras ganou en 11, deixando 4 para Gharaboto e 1 para Lúa de Forza. Este ano, Lúa de Forza xa ganou máis xornadas que en toda a temporada anterior, pois leva ganando estas dúas últimas xornadas. Isto é xenial para a competición. Tamén, hai que destacar a actuación de Laxe de Rons, que ocupa por vez primeira o cuarto posto da xeral, por diante do noutrora podio Nacional Rinoceronte. Armadiña conseguiu a súa mellor actuación da temporada e Valpaços estivo discreto. Andarela estivo moi froxo, e só sumou os puntos de participación.



       

ELEFANTIÑA ou como derrubar o mito do BILLARDA ESTADIO



ELEFANTIÑA
       O equipo Armadiña quere premiar a quen consiga o primeiro varado da historia do ESTADIO NACIONAL da BILLARDA da Reiboa cunha figura de artesanía que representa a constancia e calma do Elefante. Aínda non pagaron a peza, pois non cren que ninguén consiga a proeza. Consideran que este Campo Olímpico debe conservar a súa sona de inexpugnable ata o fin dos seus días. Entón, como fixeron grandes persoas que remataron invictos a súa carreira deportiva queren que sexa unha praza forte inconquistable para todo brazo humano. A figura estará no campo para motivar as persoas máis AFOUTAS do país. Xa non que o trofeo sexa unha peza única de incalculable prezo, senón que a misión imposible de alcanzar 50 metros cun golpe de billarda é demasiado atractiva como para que se mobilice a comunidade billardeira. Nas Conferencias do Norte están preparando autobuses e carros de dúas vacas con palanadores e palanadoras que queren derrubar un mito: os invencibles varais azul e branca do REIBOA BILLARDA ESTADIO.

       Ata o momento, ninguén conseguíu varado algún, nin en adestramentos nin en competición oficial. Certo é que ten apenas 6 meses de existencia, pero algo hai na contorna da Reiboa, será o vento insistente da Ría que golpea en contra dos varais, será o sol que dá nos ollos dos xogadores, será o salgado do aire, serán os fumes de Ence na distancia ou quen sabe que especie de conxuro, o que podemos asegurar é que terán que facerse realidade as palabras da maldición que seica pesa sobre este terreo conquistado ao mar:

"ninguén atravesará dun golpe o varal, 
ata que cambie o sabor do sal".

CONTA ATRÁS






       A 72 horas do comezo da terceira xeira da LNB na súa Conferencia Rías Baixas, o Billarda Estadio da Reiboa, loce a súa cara máis fermosa. Terra, herba, pedra e ese aroma salgado da Ría de Pontevedra esperan á comunidade da billarda. Este vindeiro sábado 30 de setembro reunirase, sobre o terreo conquistado ao fútbol pola "tribo pacífica dos paláns", o máis selecto deste xogo marabilloso. 
       Por outra beira, o equipo local Armadiña vai desviar os cheiros que emite Celulosas cara ao sur, aínda que só durante as horas que dure a xornada, usando un artefecto innovador chamado "Fol". Serán trece mil foles da "escola de música tradicional de Poio", coa axuda inestimable "dos de Marín", quen se encarguen de soprar cara a Lourizán mentres xogadoras e xogadores loitan pola gloria. 

3ª XORNADA POIO






       Armadiña está rematando as actuacións de mantemento no Estadio da Billarda da Reiboa para que a superficie de xogo estea en perfectas condicións. Debido ao continuo uso do Billarda Estadio para os adestramentos de varios equipos da Conferencia, hai que proceder ao seu coidado, cada certo tempo, e que mellor ocasión que a disputa da terceira xornada da LNB Conferencia Rías Baixas. 
       Ao mesmo tempo, chegounos unha filtración de certas intencións pouco éticas por parte do equipo de Poio. Seica, para este ano poder subir ao podio de todas as categorías teñen pensado pasar a mangueira minutos antes do comezo da xornada. As súas xogadoras e xogadores están afeitos a terreos húmidos e salgados, polo cal van utilizar auga de mar para o regado. 
         

PARECIDOS RAZONABLES







      Se os parecidos anteriores eran razonables, este parecido ademais de razonable é asombroso. Haberá que investigar se hai relación familiar entre Gelín (Gharaboto-Marín) e Sir Ben Kingsley ("nado o 31 de decembro de 1943 en SnaintonNorth Yorkshire, é un actor inglés de cinema. Aínda que é coñecido por Ben Kingsley, o seu nome orixinal é Krishna Pandit Bhanji". Fonte: Wikipedia en galego).